Monday 29 de April de 2024

Arranxos en pistas, ampliación de beirarrúas e melloras no saneamento compoñen a proposta do PSOE de Ordes ao POS 2019


Os socialistas analizaron as propostas durante un encontro co deputado provincial Antonio Leira, quen salientou que as achegas da Deputación ao Concello de Ordes duplicáronse con respecto a 2014

O grupo municipal socialista de Ordes vén de presentar a súa proposta de actuacións para incluír no Plan de Obras e Servizos (POS) 2019, que convoca a Deputación da Coruña. O voceiro municipal do PSOE de Ordes, Alejandro Manteiga, salienta que se trata “dunha proposta que recolle as distintas demandas que nos ten realizado a veciñanza e que pensamos que son proxectos que beneficiarían a un gran número de veciños e veciñas de Ordes”.

A proposta socialista inclúe nove proxectos por un importe de 924.5050,64 euros. Os máis destacados, orzamentariamente falando, son a renovación da rede de abastecemento na rúa Camposanto (262.531,67 euros), a segunda fase das beirarrúas dende o Casal ao Pazo de Bidueiro (186.899,66 euros) e a senda peonil cara o Camiño Inglés en Vilariño, en Buscás (167.734,71 euros).

Así mesmo, os socialistas piden varios arranxos en pistas, como os asfaltados do Camiño do Barroso (Guindiboo) a Fosado (Montaos) e da pista dende A Armada ao final da aldea (Vilamaior), o aglomerado do camiño de Castrelo á escola de Leira ou o arranxo da pista en Pedre a Tras do Río (Mercurín). A proposta complétase coa ampliación do abastecemento en Achán (Montaos) e a ampliación das beirarrúas á altura do Hostal Barreiro (Leira).

Achegas da Deputación

Unhas propostas que os militantes da Agrupación Socialista de Ordes lle presentaron ao deputado provincial Antonio Leira durante un encontro no que o responsable de Economía da Deputación aproveitou para explicar os criterios de reparto das aportacións aos concellos. Leira defendeu que os criterios actuais da Deputación que preside o socialista Valentín González Formoso son mais equitativos e solidarios cos que había durante o mandato anterior do Partido Popular.

Así, durante o último ano da presidencia de Diego Calvo, Ordes recibiu 773.491,07 euros; mentres que no 2018 conseguiu unha achega de 1.575.073,30 euros. “Durante o mandato do PP na Deputación, Ordes recibiu a metade das achegas económicas que ten agora coa presidencia do socialista Valentín González Formoso”.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Elvira Rodríguez Recouso, expresoulle ao deputado provincial o apoio dos socialistas ordenses á construción do centro sociocomunitario, cuxas obras comezarán oficialmente mañá venres. Rodríguez Recouso amosouse convencida de que “será unha obra beneficiosa para a veciñanza e, ademais, levará o nome de Isabel Zendal, figura por cuxo recoñecemento levamos loitando varios anos os socialistas de Ordes e para quen volveremos a solicitar a concesión da Medalla de Galicia”.